Para planificar unhas vacacións na Ribeira Sacra hai que ter en conta,primeiro de todo, que a oferta turística e cultural non é precisamente pequena. Máis de 70 templos románicos, fermosos espazos naturais e infinitos roteiros de sendeirismo que os percorren, innumerables miradoiros, cinco subzonas vinícolas, incontables casas rurais e locais de restauración, deportes acuáticos, festas relixiosas e pagás, enoturismo … Decidir que ver, xa de seu, pode ser unha decisión complicada. Pero se temos en conta, ademais, que todos eses lugares e actividades se espallan por vinte e un concellos, dúas provincias e 180 km cadrados e que a rede de transporte público é bastante mellorable, é probable que non saibamos nin por onde empezar. Cantos días necesitaremos? Como escoller o noso roteiro sen ter que facer decenas de quilómetros entre un destino e outro? Como facer unha visita a unha adega sen ter que preocuparse do coche durante horas? En definitiva, é posible irse con todos os “imprescindibles” marcados sen volverse tolos cos preparativos? A resposta é un rotundo si. Hai un lugar á beira do río Miño no que se condensan todos os encantos da Ribeira Sacra en só 5 km de estrada: o conxunto etnográfico que forman as parroquias da Cova e Fión, no concello do Saviñao.
Neste enclave traza o Miño o seu meandro máis soado, O Cabo do Mundo, unha das iconas da comarca e, sen dúbida, unha das visitas obrigadas. Ao longo de toda a ladeira hai varios miradoiros, tanto naturais como acondicionados, para poder contemplar a impresionante panorámica e admirarse con este capricho da natureza.
A este lado do río, a paisaxe é moi distinta. Os vestixios de máis de dous mil anos de historia acumúlanse nesta ribeira, resistindo o paso do tempo aferrados ás colosais terrazas que os sosteñen. Durante este dous mil anos, mulleres e homes modificaron (e modifican aínda hoxe en día) a contorna para poder facer habitables e produtivas as agrestes ladeiras. Un traballo de heroes, sen dúbida. Á vez que esculpían o terreo, eses homes e mulleres foron esculpindo tamén a alma desta terra, xurdida das súas mans. Unha alma que sente en canto se pon un pé aquí, porque brota dos bancales, despréndese das rochas e precipítase en fervenza pola ribeira, dándolle á Cova a súa característica máis intrínseca e arraigada: a viticultura. En Unha historia de auga e viño explicamos en máis detalle o estreito vínculo entre os habitantes da ribeira e a súa contorna ao longo do tempo.
Na Cova nácese sabendo facer viño. Lévase no sangue e vívese desde a infancia. Os traballos nas viñas condicionan a vida dos seus habitantes e ocupa gran parte do seu tempo. A vendima serve, ademais de para a obtención dos apreciados caldos, para reunirse con familia e amigos, máis mesmo que o Nadal ou a celebración do patrón. Non hai escusa que valla para faltar á vendima. A viticultura aquí é moito máis que tradición ou negocio. É unha forma de vida. A esa forma de vida débese a familia Moure.
A desamortización do s. XIX serviu para que a familia se fixése cunhas poucas viñas que foron pasando de xeración en xeración. En 1958 José Moure funda Adegas Moure - Abadía da Cova. Sesenta anos despois e cos netos de José ao mando, no espírito da adega mantense intacta a paixón pola viticultura e o amor a esta terra. Hai varias opcións para visitar a adega. Podes reservar algunha das opcións de visitas guiadas, nas que, ademais de probar os nosos viños, os nosos guías farán que vos vaiades con algunhas nocións técnicas e, esperamos, cun bo sabor de boca. Se prefires algo máis informal, unha copa de viño e un picoteo no noso winebar, O Faiado da Abadía, gozando das vistas desde o noso miradoiro. Ambas opcións non son incompatibles, en calquera caso.
Pero o noso patrimonio etnográfico non se limita á viticultura. Na parte máis alta da ladeira atópase o Ecomuseo de Arxeriz, seguramente o mellor lugar da comarca para mergullarse na historia e a tradición tanto deste grupo de aldeas, como da Ribeira Sacra en xeral. Desde un castro datado no III a. n.e. ata un pazo rehabilitado, pasando por embarcacións tradicionais, traxes típicos e multitude de ferramentas e obxectos de distintas épocas e para os máis diversos labores. O conxunto é magnífico e non te deixará indiferente.
Moi preto do museo atópase o pazo Torre Vilariño, unha das casas rurais máis coñecidas de toda a Ribeira Sacra e a primeira que se abriu ao público en Galicia. Merece a pena pola comida caseira, a contorna acolledora, as bonitas zonas axardinadas, as estancias tradicionais rehabilitadas e os numerosos utensilios e ferramentas antigos esparexidos por toda a propiedade, pero merece a pena moito máis porque ten un encanto que é difícil describir con palabras.
Os amantes do sendeirismo teñen que saber que a uns 200 metros de Torre Vilariño pasa o Camiño de Inverno, unha variante do Camiño de Santiago francés que servía para evitar as inclemencias climatolóxicas, a miúdo máis severas, da cordilleira dos Ancares. Aínda que é, probablemente, máis coñecido de tódolos roteiros que pasan pola zona, non é o único. Se queres descubrir a zona a pé, non che faltarán camiños que explorar nin marabillas que atopar ao teu paso. Catro quilómetros cadrados de sensacións, de recunchos que parecen detidos no tempo e de lugares únicos. Lugares como a praia fluvial, un pequeno areal de area branca e fina onde ademais de refrescarnos nos sufocantes días de verán, podemos acudir ao Restaurante Praia da Cova para practicar deportes acuáticos ou gozar das súas instalacións de hostalería.
Outro dos acenos de identidade da Ribeira Sacra, a arte Románica, tamén está presente. San Martiño da Cova e San Lourenzo de Fión son dúas fermosas construcións procedentes do s. XII e que conservan na súa arquitectura, a pesar das reformas sufridas durante estes séculos, a esencia da súa fábrica románica e tamén interesantes achegas doutras épocas. Ambas igrexas atópanse habitualmente pechadas e só abren os días nos que se realizan actos relixiosos. Para poder visitalas e coñecer en profundidade a súa historia, aconsellámosvos contactar con algunha das empresas de turismo locais. Con Novas Rutas ademais de visitar o interior de leste e outros moitos templos, poderedes gozar dos encantos desta terra da man de guías da zona.
Quizais haxa algún outro lugar na Ribeira Sacra que conteña en só 2 km cadrados todo o que che contamos, pero se existe, non o coñecemos.
Distancias:
Escairón: 6,6 km
Monforte de Lemos: 25,7 km
Chantada: 20,9 km
Castro Caldelas: 51,9 km
Lugo: 75 km
Ourense: 40 km
Vigo: 136 km
Pontevedra: 153 km
Santiago de Compostela: 140 km
A Coruña: 175 km
4 Comentarios
MANUEL FOLE · 11 December, 2024 - 22:12
Como seguidor de vuestra historia y vuestro recorrido por el mundo del vino y de los destilados y como parte fundamental que sois de que ese extraordinario rincón de nuestra tierra se conozca mas allá de la "ribeira " ,desearos unas FELICES FIESTAS y un próximo año 2025 "excelente ".
un abrazo desde nuestra residencia actual en Gijòn.
MJ Travel Group Event · 30 March, 2022 - 09:03
I found this article very informative about "The attendees include people who have a love for dancehall music and Jamaica,". Looking forward for more informative articles like this related to MJ Travel Group & Events
Juan Francisco Vilchez Muñoz · 19 June, 2021 - 20:06
Buenos días.
Visita a BODEGAS ABADIA DA COVA – ADEGAS MOURE (MIRADOR CABO DO MUNDO)
Tenemos pensado pasar unos días por la Ribeira Sacra a principios de Julio y dentro de la planificación de nuestro viaje nos interesaría visitarles el día 8 de Julio por la mañana, a la hora que ustedes nos indiquen a partir de las 12h.
Nuestro interés viene de la visita que les realizo nuestra hermana hace unos años, por supuesto previo a la pandemia actual.
También nos gustaría conocer que medidas anti-Covi deberíamos cumplir durante nuestra visita.
En espera de sus noticias reciban un cordial saludo
Lorena Arias · 27 August, 2020 - 19:08
Boas tardes,
Gustaríame saber como é posible visitar o voso winebar o Faiado da Abadía. E si sería posible reservar para esta fin de semana. Sábado pola tarde ou o domingo. Seriamos 2 persoas.
Moitas grazas.
Un saúdo