Os elementos que determinan as calidades da uva son, fundamentalmente, a vide, o chan no que se cultiva e o clima. Se actuamos sobre o chan e a vide da forma adecuada e somos capaces de controlar os efectos que a climatoloxía ten sobre ambos, teremos máis posibilidades de conseguir unha colleita de calidade.
Para logralo é fundamental estudar en profundidade cada parcela ata chegar a entendela, saber como se comporta cada elemento, determinar os puntos fortes e débiles, saber a que pragas son especialmente sensibles, en que época do ano son máis vulnerables, cal é o ritmo de cada unha, se son máis frías, máis húmidas ou menos ventiladas … Toda esta información é a base sobre a que se establece que coidados específicos debemos proporcionar a cada unha para conseguir uva de calidade en cantidade rendible.
O único trazo que teñen en común as parcelas da ribeira da Cova entre si, é que cada unha delas é distinta ás demais. Máis de 15 variedades de vide, entre clons distintos da mesma variedade, cepas centenarias e variedades estranxeiras, cultivadas en chans de granito, xistos e lousa e salpicados de fragmentos de cuarzo, arxila, canto rodado e sabrego (granito descomposto), cobren unhas ladeiras que alcanzan o 40% de pendente para salvar 300 metros de desnivel e con tódalas orientacións posibles a causa do ángulo aberto polo meandro.
Cada parcela é un mundo que, a base de observación e análise, imos descifrando cos anos. O obxectivo, como diciamos, é chegar a comprender de que maneira repercuten os elementos presentes durante o cultivo nas calidades da uva e as propiedades do viño. Que conleva que un ano sexa máis seco? E o volume da colleita? Que achegas necesita cada unha delas para recuperarse dunha campaña e prepararse para a seguinte? Que variedade de vide é máis adecuada para cada localización? Como varían as calidades da uva ao variar algún dos factores implicados? Analizar e contrastar estes datos permítenos atopar as mellores versións de cada parcela, as versións que queremos converter en viño, e saber que condicións temos que propiciar na viña para conseguilo.
Todo o que facemos na viña deixa nela algún tipo de pegada, tanto nas características dos viños como na contorna. Por iso as nosas técnicas agrícolas se fundamentan na sustentabilidade e o respecto ao medio e durante os últimos 20 anos fomos introducindo progresivamente nos nosos cultivos os principios da viticultura ecolóxica e da agricultura integral. Así conseguimos no 2010 converternos na terceira adega de Galicia que conseguiu embotellar coa certificación de produto ecolóxico da UE. E así fomos conseguindo tamén elaborar viños cada vez máis naturais e xenuínos á vez que coidamos as viñas que nolos regalan. É un cambio xusto.
Os traballos que se realizan ao longo do ano, as técnicas específicas que se usan en cada caso, os métodos preventivos, os tratamentos dos chans … Todas e cada unha das intervencións que se levan a cabo sobre os cultivos establécense en base a dous fins primordiais: en primeiro lugar, poñer as medidas necesarias para asegurarnos de que, polo menos en condicións “normais”, a colleita estea asegurada e en segundo lugar, conseguir que a esencia da viña se transmita á uva para poder embotellala.
O clima é o único de todos os elementos presentes nos cultivos sobre o que non podemos intervir de forma directa. A súa influencia é determinante tanto para a cantidade como para a calidade da colleita, así que a súa importancia á hora de decidir as estratexias de intervención sobre as viñas, é moita.
A elevada humidade ambiental de Galicia é o alimento básico de moitos dos inimigos máis perigosos para a colleita. Ademais de acelerar a propagación de todo tipo de pragas e enfermidades, é un paraíso para fungos como o mildiu, o black rot, o oidio ou a botrytis, coñecidos e temidos por todos os viticultores galegos. A presenza nos cultivos destes patóxenos pode danar seriamente a produción (e mesmo chegar a arrasala por completo) e causar danos irreparables nas plantacións.
É fundamental ser minuciosos con traballos básicos como recortar o manto vexetal cando é necesario ou limpar convenientemente os utensilios utilizados nos traballos a fin de evitar a propagación de posibles enfermidades, ademais de evitar no posible a mecanización dos traballos para reducir ao máximo os efectos da contaminación sobre o terreo.
No inverno lévanse a cabo os traballos que serven para preparar as viñas para a brotación que terá lugar na primavera.
Escoller adecuadamente as técnicas de poda e saber adaptar cada unha delas ás necesidades das viñas, é outro dos puntos crave. Hai que ter en conta, ademais da variedade de vide da que se trate, a orientación da viña, as horas de sol que recibe e a altura á que se atopa, se o chan é fértil ou pobre, a idade das vides … Un exceso de follaxe ou unha orientación inadecuada das ramas provocará que a planta sexa máis vulnerable ante moitas enfermidades, ademais de afectar tamén as calidades da uva.
O chan, a base alimenticia das vides durante todo o ano, debe estar en óptimo estado na primavera. Tras a vendima analízase o seu nivel de nutrientes e ph, e decídese se é necesario intervir e de que maneira.
O abonado (ou non) das viñas é un aspecto delicado e no que hai que poñer especial coidado, xa que un exceso de fertilidade pode carrexar que a materia vexetal creza fora de control e atraia visitantes indesexados. A preferencia da maior parte de variedades por chans minerais e areosos, dános idea de que é mellor quedar curto que pasarse. O ideal é que o chan se retroalimente da materia vexetal que el mesmo vai xerando ao longo do ano. Cando isto non é suficiente recorremos ao vermicompost que elaboramos desde hai varios anos cos restos do bagazo da vendima da adega.
Tamén durante o inverno se fan os buracos que albergarán novas plantas na primavera, que permanecerán abertos durante meses para axudar á renovación do chan, achegar osíxeno e previr a aparición dos perigosos fungos.
Todos estes traballos estacionais de mantemento fortalecen as vides e a súa contorna inmediata para que, colleita tras colleita, poidan vencer os obstáculos que se van a atopar ata a vendima. Ademais, axudan aos viñedos para manterse en boas condicións e mozos durante máis tempo, é dicir, a soportar mellor o peso dos anos.
Pero tratándose de coidados, nunca é suficiente, así que aplicamos nas viñas o mellor método preventivo que atopamos para evitar ver a peor cara da natureza: conseguir que se converta na nosa aliada. A experiencia ensinounos que coas ferramentas adecuadas é capaz de xerar e manter un ecosistema equilibrado e unha biodiversidade que serve de protección natural contra os elementos daniños.
O obxectivo principal desta estratexia é atraer aos nosos cultivos aos depredadores naturais das pragas e facilitarlles o sustento e a permanencia na contorna. Para iso, tratamos de que o manto vexetal dos viñedos conte coas especies vexetais adecuadas, preferiblemente autóctonas, e que se manteñan ao longo das estacións, habilitamos espazos para que poidan criar e facilitámoslles o traballo na medida das nosas posibilidades.
Usando esta metodoloxía de traballo desde hai anos, logramos alcanzar o equilibrio chan-planta-clima do que falabamos ao principio, ferramenta principal para poder elaborar viños naturais de calidade e poder seguir elaborándoos durante moito tempo.
1 Comentario
Patricia · 2 September, 2024 - 09:09
Realizamos el tour por las bodegas con Leticia este Agosto 2024 y fue una maravilla! Nos hizo sentir su fuerte cariño al viñedo y disfrutamos de la historia, las anécdotas y la parte didáctica, tan bien contadas por Leticia. Nos habríamos quedado más tiempo escuchándola si hubiésemos podido!
Totalmente recomendable
Un abrazo